Que é un batán?

Hoxe en día a confección industrial de pezas de roupa fixo innecesario o uso dos batáns, porque o tecido xa sae das fábricas listo para ser usado. Porén, cando os teares eran manuais as teas de la, despois de seren tecidas, presentaban unha trama moi frouxa, pouco firme e esfiábanse facilmente. Por ese motivo era preciso sometelas a un proceso de abatanado que conseguía non só apertar e amalgamar as fibras, senón tamén eliminarlles o pelo e a graxa sobrantes.

Os batáns son polo tanto construcións concibidas para o abatanado das teas, especialmente das teas de la. En liñas xerais adoitan ser edificios bastante rústicos nos que se sitúa un aparello de madeira con dous grandes mazos movidos pola forza da auga, que golpean de forma alternativa os tecidos.

En Galicia estes aparellos ademais de batán tamén reciben o nome de pisón ou folón. En liñas xerais non foron moi abundantes no territorio, xa que era máis frecuente a confección de tecidos de liño que de la. Na Costa da Morte, ademais do Mosquetín, hai evidencias da existencia de batáns en lugares como no río Lourido (Corcoesto, Cabana de Bergantiños), ou en Verdes (Coristanco).

Elementos dun batán Galego.

Manta abatanada do Museo do Pobo Galego.

A toponimia danos tamén pistas da localización de antigos batáns xa desaparecidos en áreas bastante dispersas. O nome batán aparece por exemplo 14 veces na provincia da Coruña,15 na de Lugo, 3 en Pontevedra e 1 en Ourense. Outros topónimos relacionados son Folón, Felós e Folonia.

Actualmente en Galicia apenas quedan outros tres batáns que conservan a súa estrutura e maquinaria. Todos eles máis pequenos que os do Mosquetín. Son os de Mezonzo (Vilasantar), Río Chonia (Trazo) e o da Finca Galea (Valadouro).

Batán de Mezonzo (Vilasantar).