O abatanado

No Mosquetín abatanábanse case exclusivamente mantas de la, aínda que ás veces levábanse tamén pezas de roupa de traballo ou que se usaban para soportar a choiva como capas ou polainas. Este tipo de teas recibían o nome xenérico de xerga ou burel.

O abatanado podía durar máis ou menos tempo dependendo da calidade da la. Se esta era boa, de ovellas meiriñas, bastaban 28 horas. Se era un pouco máis ruín precisábanse ata 48 horas.

Durante o proceso había que coidar de que as mantas estivesen sempre molladas e de darlles voltas regularmente para evitar que se pegasen as prendas. A esta operación chamábanlle “virar o batán”. Unha vez rematado o proceso sacábanse os panos e secábanse estendidos ao sol sobre as toxeiras que había na contorna do Mosquetín. Ao final de todo as mantas reducían o seu tamaño e podían chegar a perder até un 15% do seu peso ou máis.

Manta de la abatanada.
Capa de la abatanada para a choiva.

Non se abatanaba todo o ano, senón entre os meses de outubro e abril, aproveitando o momento en que o río tiña máis caudal. Porén a mellor época era a primavera, porque os tecidos saían mellor. No inverno, pola contra, ás mantas caíalles demasiado pelo.

No Mosquetín era habitual levar as mantas aproveitando a veciña feira de Baio, unha das máis importantes da bisbarra, que se celebraba os terceiros domingos do mes. As veces eran traídas por arrieiros da terra do Xallas, que volvían a recollelas na feira do seguinte mes. O pagamento, ao contrario que nos muíños facíase con diñeiro.

Detalle do tecido dunha capa de la abatanada para a choiva.

Proceso de abatanado. Fotograma do documental Os batáns do Mosquetín, un conxunto etnográfico singular.