O batán de Servia

No edificio sur do Mosquetín, nunha das estancias que anteriormente ocupaba un muíño albeiro, sitúase hoxe unha maqueta a escala en madeira dun batán.

A súa historia non pode ser máis curiosa. Foi feita por José Ramón Ces Ces, dono de dous batáns que funcionaron ata 1960, na aldea de Servia (Vilacoba), concello de Lousame.

Pola década de 1970 os batáns foron desmontados e as pezas gardáronse durante anos na casa dos propietarios. Os aparellos, ao ocupar moito espazo, remataron por ser queimados, pero antes de que iso acontecese José Ramón decidiu facer unha maqueta dun batán en madeira de carballo e a unha escala do 4%. Non só iso, senón que para que non se perdese o coñecemento do enxeño apuntou nun caderno todas as pezas cos seus nomes, medidas e incluíu tamén numerosos debuxos.

Maqueta do batán de Servia.

O bataneiro morreu en 1985, pero a familia conservou tanto a maqueta como os seus escritos. Uns anos máis tarde, grazas ás xestións de Xosé María Lema e Paco Doval, os familiares doaron a maqueta á Deputación da Coruña. O obxectivo era que estivese exposta no Mosquetín, para que todos puidesen coñecela.

Porén, diversos problemas burocráticos fixeron que estivese depositada durante moito tempo en dependencias do Forno do Forte (Buño). Finalmente en febreiro de 2017 o “batanciño”, de 130 kg de peso foi volto a montar polo carpinteiro Xesús Santos e colocado no Mosquetín. Ao acto de presentación da maqueta asistiron os familiares de José Ramón Ces 18 anos despois da súa doazón.

Cartaz da presentación da maqueta do batán de Servia.