A mediados da década de 1980 comeza a haber preocupación entre algúns varios veciños de Vimianzo pola situación de ruína dos batáns e muíños. As xestións feitas polo concello de Vimianzo, nas que tivo unha participación moi activa o concelleiro Ramón Gándara, conseguiron que se fixese unha primeira restauración do tellado do edificio norte e un dos batáns.
A recuperación da maquinaria do batán foi un traballo realmente pioneiro realizado durante o inverno de 1985 e 1986 por un dos propietarios, José García, axudado polo carpinteiro Daniel da Carballa. Este proceso supuxo unha auténtica investigación sobre a mecánica dos aparellos e foi recollido nun pequeno documental titulado “Os derradeiros batáns”.
Desgraciadamente as enchentes do ano 1987 afectaron seriamente á edificacións e danaron os aparellos dos batáns que quedaban no interior. Deste xeito o abandono volveu ao Mosquetín e a inicios da década seguinte batáns e muíños volvían a estar de novo cubertos pola vexetación.
Ante esta situación produciuse un acontecemento extraordinario e case sen precedentes na zona. O 28 de decembro de 1991 unhas vinte asociacións dos tres concellos da Terra de Soneira (Vimianzo, Zas e Camariñas) xuntáronse baixo o lema “Salvemos os Batáns” para limpar a matogueira da contorna dos edificios.
Porén, a recuperación definitiva do conxunto non chegou ata o ano 1997. Nese ano comezáronse a realizar xestións para a compra dos muíños e batáns por parte da Deputación da Coruña. Unha das persoas chave no proceso foi Felipe Senén, director do Departamento de Xestión Cultural da Deputación. Tamén fundamental foi a participación de Xosé María Lema, Roberto Mouzo e o Concelleiro Ramón Gándara, sobre todo nas negociacións cos últimos propietarios .
Nestes anos de finais da década de 1990 e inicios da década seguinte realizáronse as últimas grandes obras de restauración e de acondicionamento da contorna. Entre as accións destacaron a redacción dun proxecto de musealización por Francisco Doval e a restauración final dos tres batáns realizada por Martín Senande, carpinteiro de ribeira de Canduas (Cabana de Bergantiños).
Na actualidade muíños e batáns son propiedade da Deputación da Coruña e desde o ano 2016 o Concello de Vimianzo xestiona o servizo de atención aos visitantes, as actividades de animación, comunicación e promoción do conxunto etnográfico.