Non é moi frecuente atopar referencias aos batáns en obras literarias. Non obstante hai un episodio onde os folóns son protagonistas na universal obra de Cervantes, “O Enxeñoso fidalgo Don Quixote da Mancha”. No capítulo XX da primeira parte, Don Quixote e Sancho detéñense nun val e van na procura de auga. Cando escoitan o son dunha corrente próxima, comezan a oír tamén un forte ruído acompasado de “ferros e cadeas” que non logran identificar por culpa da escuridade da noite. Nun primeiro momento Don Quixote, pensando que se trata dalgún perigo e coa expectativa dunha nova aventura, tenta ir con Rocinante ao seu encontro. Porén Sancho, cheo de medo, consigue grazas a argucias que o seu amo desista momentaneamente da súa intención. Despois de pasar a noite escoitando contos de Sancho e vivindo algunha que outra simpática anécdota, chega o amencer. Coa luz do día o fidalgo xa non pode esperar máis e diríxese na procura de tan infernais sons co seu criado. Finalmente comproban que o ruído procede dunhas construcións mal feitas nas que había seis mazos de batán golpeando alternativamente. Sancho dáse conta da tremenda equivocación ao confundir o ruído e comeza a rir sen parar provocando o enfado de Don Quixote.
O interesante deste episodio é que queda patente que para Sancho, unha persoa humilde de extracción popular, os batáns son unhas construcións familiares, mentres que para o fidalgo resultan algo totalmente descoñecido e ata manifesta que pola súa condición non está na obriga de coñecelos.
Outra das referencias interesantes é o best-seller de Ken Follet “Os Piares da Terra”. Esta obra está ambientada na Inglaterra do século XII e nun dos seus episodios describe como podería ter sido a invención do batán na zona. Na novela a necesidade xurde pola obriga dunha das protagonistas de ter que desprazarse ata unha localidade afastada para levar a bater os seus tecidos de la, xa que alí había un gremio de profesionais do abatanado. O seu namorado resolverá de maneira intelixente o problema ideando un enxeño hidráulico que construirá adaptando a maquinaria dun muíño de río.