A necesidade de abatanar os panos de la existe na historia da humanidade desde que se comeza a tecer. Porén, no inicio o abatanado non era mecánico senón que as teas eran pisadas cos pes dun xeito similar ao que se fai no procesado da uva. En Roma as instalacións dedicadas ao traballo dos tecidos chamábanse “fullonica” e as de maior tamaño adoitaban ter estancias diferentes para o branqueado das telas, o tinguido e tamén para o pisado.
É na Idade Media cando aparecen os primeiros batáns hidráulicos, probablemente grazas á adaptación da maquinaria dos muíños de río. Testemúñanse en Italia polo xa século X e rapidamente vanse espallar cara ao norte. Na Península Ibérica os primeiros datos da súa existencia son no século XII. Na Idade Moderna estenderase aínda máis o uso dos batáns por toda a xeografía europea. A excepción será Flandres e algunha zona do norte de Europa, onde seguirase apisoando de maneira manual para garantir a calidade dos delicados e luxosos tecidos que alí se producían.