No século XX a mecanización e a progresiva desaparición do vello modo de produción agrícola fixo esmorecer tamén todas aquelas actividades artesanais vinculadas ao agro como o tecido feito a man. O resultado foi que a partir da décadas de 1950 e 1960 os batáns e muíños foron caendo en desuso e finalmente quedaron abandonados.
Porén, hai noticias de que ata 1966 aínda se aceptaron encargos de mantas para abatanar. Isto indica que os batáns de Mosquetín poderían ter sido os últimos en estar en uso en Galicia. O golpe final chegou entre 1966 e 1970 coa construción da veciña piscifactoría. Esta moderna instalación adquiriu os dereitos da auga da vella presa e construíu novas canles de formigón para conducila aos seus tanques.
A comezos da década de 1980 os edificios xa estaban completamente abandonados e presentaban importantes problemas de conservación con parte dos seus tellados caídos e as maquinarias estragadas.