Non se sabe exactamente cando foron construídos os muíños e batáns do Mosquetín, pero o primeira mención que testemuña a súa existencia aparece no chamado Catastro de Ensenada do ano 1753. O documento fala da existencia no lugar de 5 muíños fariñeiros e sobre os batáns di o seguinte: “en dho. Coto [de Señorás] hai dos batanes de bater buriel o lana del país, el uno llamado Mosquetín, sobre el rio de este nombre propio de Matheo de Lema, cuia utilidad le regulan en ciento cinquenta rrs. vellon y el otro sobre el mismo rio propio de Antonio de Romar, cuia utilidad le rregulan en ciento cinquenta rs. vellón. O termo buriel ou burel designa ao tecido basto de la.
Os Mateo de Lema e Antonio de Romar mencionados no catastro son antepasados dos últimos propietarios do conxunto do Mosquetín, Carmen García García e Luís García Lema, antes da súa adquisición pola Deputación da Coruña a finais do século XX. Durante case 250 anos estas dúas familias foron responsables do funcionamento de batáns e muíños.
Varias décadas despois da elaboración do catastro, polo 1804 o ilustrado Lucas Labrada na súa “Descripcion económica del Reyno de Galicia” fala da existencia dun total de 166 batáns en territorio galego. Tres mazos, probablemente os de Mosquetín, estaban na xurisdición de Vimianzo.