É moi frecuente que os muíños de río aparezan construídos a carón dos batáns xa que aproveitan a forza da mesma corrente de auga para funcionar. Pero ademais no Mosquetín podemos ver un conxunto de muíños particularmente interesante pola cantidade e variedade dos mesmos.
En total son sete os muíños. Hai catro negreiros, dous albeiros e un de relón. Os primeiros, tamén chamados de pedras negras, son os máis habituais na Costa da Morte e en Galicia e usábanse para moer o millo.
Os muíños albeiros ou de pedras brancas, pola contra, eran empregados na moenda do trigo e acostumaban estar feitos con pedras de orixe calcaria ou cuarcita. O pé e a capa do muíño albeiro de arriba, foran traídos orixinalmente de Francia, aínda que os actuais aproveitáronse pola década de 1980 doutro muíño en ruínas da parroquia de Salto.
O muíño do relón usábase para volver a moer o relón do trigo que se peneiraba e se pasaba outra vez polo muíño.
É interesante destacar que varios dos muíños do edificio sur funcionaban coa mesma corrente de auga que movía os rodicios da construción norte.
Os muiñeiros do Mosquetín non cobraban en diñeiro como se facía cos batáns. Os clientes pagaban a maquía, que era un pago en especie. Viña a ser 1 kg por ferrado, tendo en conta que na zona o ferrado de millo é 18 kg e o de trigo 13 Kg.