Ao redor dos muíños xerouse en todo o territorio galego un rico patrimonio inmaterial. Eran lugares aos que se ía a moer o gran e mentres a moa moía, había horas mortas durante as que se facían bailes, cantábanse cantigas, contábanse lendas ou contos de medo… Moitas veces a moenda facíase de noite e aproveitábase esta circunstancia para o moceo, o cortexo e tamén para as bromas.
Unha das manifestacións máis ricas son as cantigas. A súa temática é variada, pero o moceo adoita ser un dos temas predilectos. Os dobres sentidos e a ironía están sempre moi presentes nestas obras.
Curiosamente sobre os batáns, ao non ser edificacións tan habituais, o folclore é máis reducido. A única cantiga que se menciona no Cancioneiro Popular Galego da Fundación Pedro Barrié de la Maza (1984) é a seguinte:
Unha noite me colleron
no muíño do Batán
unha noite me colleron
outra non me collerán.
Polo contrario relacionado cos muíños hai incontables cantigas por toda a xeografía galega. Para a Costa da Morte e o territorio máis próximo ao lugar do Mosquetín estas son algunhas delas:
O cregho foi ó Muíño
e caíu da ponte embaixo
¡Apara o cregho, nena,
que vai polo río abaixo!
Unha noite no muíño,
unha noite non é nada.
Catro somanas enteiras
esa si que é muiñada!
O cantar do arrieiro
é un cantar moi baixiño,
que llo cantaban as nenas
cando iban po muíño.
Xa te andabas alabando
polos muíños moendo:
que te casabas comigo;
eso si, onde eu morrendo.
Cantigas recollidas de: Pablo Díaz Carro, Olga Kirk Martínez (2012): Cancioneiro de Cabana de Bergantiños.