A Maquinaria

Os batáns son unha auténtica obra de enxeñería popular a pesar da súa aparencia simple. A súa maquinaria está feita totalmente de madeira, sen ningún cravo nin peza de ferro para evitar a formación de óxidos e o rachado das roupas. Están constituídos por unha grande cantidade de pezas que reciben cadanseu nome, configurando un rico léxico. Porén, son tres os seus elementos principais: a roda, os mazos e a mesa.

A roda ou rodicio é similar á dos muíños, pero no caso de Mosquetín é vertical e atópase no interior do edificio. Ten unha serie de pas cóncavas, as penas, que son as que fan mover a roda cando a auga cae sobre elas. O movemento da roda transmítese ao eixo, unha peza cilíndrica de piñeiro. No eixo hai outras pezas saíntes de madeira, as levadoras, que ao se moveren accionan os mazos levantándoos de forma alternativa.

Esquema da maquinaria dun batán no Mosquetín.

Os mazos reciben o nome de manlles e constitúen outra da pezas importantes. Son levantados polas levadoras para caer despois co seu propio peso sobre as mantas que están colocadas sobre a pía. O golpeo das manlles é rítmico e alternativo. Cando unha golpea as mantas, a outra xa está levantada e a piques de baixar.

A terceira peza chave é a mesa. Trátase da estrutura que sostén os mazos e ten unha cavidade, a pía, na que se colocan as pezas de la para recibiren os golpes dos mazos e así seren abatanadas.

Interior dos batáns do Mosquetín.
Vista traseira dun batán.
Eixo do batán.
O rodicio e as penas.
Os xugos do batán.
Xugos e tiradores.
Manlles do batán.
Comportas.
Sistema de apertura da comporta.
Saída da auga para o rodicio.