Os primeiros muíños do territorio Galego son os chamados barquiformes aparecidos hai uns 6000 anos no período neolítico. Durante a idade do Ferro, probablemente pola influenza púnica, comezan a introducirse por volta do século IV a. C. os muíños circulares que van ser difundidos e usados amplamente tamén durante a época romana. Tanto os barquiformes como os circulares son muíños de man, movidos mediante o esforzo humano.
Sábese que os muíños mecánicos, que empregan a forza da auga, xa eran usados en Asia Menor dende polo menos os séculos II-I a. C. e de feito chegaron empregarse tamén no mundo romano. Porén, as primeiras noticias da súa presenza no territorio galaico son da Idade Media, aproximadamente a partir do século X e trátase enxeños vencellados aos mosteiros.
O momento de maior expansión dos muíños hidráulicos en Galicia foi na Idade Moderna. A partir do século XVII, coa introdución do cultivo do millo, é cando os muíños de río comezan a ser de verdade unha edificación omnipresente en case todas as nosas correntes fluviais.
Ata mediados do século XX os muíños de río van formar parte esencial do sistema agrario tradicional e serán tamén importante fonte de tradición oral e de folclore. A partir da década de 1960 a progresiva mecanización, o abandono das vellas actividades agrarias e a emigración a Europa provocarán un progresivo abandono destes enxeños.