O lugar do Mosquetín pertence á parroquia de Salto, no Concello de Vimianzo. Nesta paraxe de singular beleza sitúase o extraordinario conxunto de batáns e muíños, xusto á beira do río Grande, que desemboca na ría de Camariñas. A auga desta importante corrente fluvial é o elemento que permitiu o seu funcionamento desde hai máis de 250 anos. Se nos achegamos ata eles podemos comprobar como se trata de 2 sinxelas construcións alongadas feitas en cachotería de pedra e cubertas de tella. No interior atópanse as maquinarias de 7 muíños e 3 batáns.
O edificio norte, o que está máis preto da estrada, divídese en tres estancias diferentes que acollen respectivamente un muíño albeiro, para moer trigo, dous muíños negreiros ou de millo e 3 batáns.
O edificio sur, máis próximo ao río, só ten muíños, tamén repartidos en tres espazos. No primeiro estaba un muíño albeiro, so seguinte un muíño de relón e no terceiro dous muíños negreiros.
Tanto muíños como batáns usaban a auga embalsada nunha presa localizada a pouca distancia río arriba. A auga era logo conducida a través de canles para mover as rodas que facían funcionar os aparellos.
Polos datos que coñecemos destes edificios sabemos que estiveron en funcionamento desde polo menos o século XVIII ata o ano 1966 e deron servizo continuado a moitos veciños da zona que traían as súas mantas de la a abatanar ou o millo e o trigo para moer.
A contorna complétase actualmente cunha área recreativa mesmo situada mesmo á beira do río Grande e a carón do conxunto etnográfico, con zonas de sombra e mesas de pedra para uso dos visitantes.